05 / Febrero / 2026
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha das resolucións da convocatoria de 2025 destinada a financiar os plans de mellora de mozos que se incorporaron ao sector agrario en 2024 e que, nese ano, quedaron sen este apoio económico. Estas subvencións enmárcanse no Plan Estratéxico da PAC (PePAC) 2023-2027 e están cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural (Feader).
En total, a medida beneficia a 65 persoas, que recibirán unha achega conxunta de arredor de cinco millóns de euros. A contía media sitúase nuns 76.000 euros por explotación, co obxectivo de reforzar a viabilidade dos proxectos e consolidar a súa posta en marcha no rural galego.
Segundo establece a resolución, a actividade agraria e os investimentos cofinanciados deberán manterse durante cinco anos, ou tres no caso do mantemento de investimentos ou de postos de traballo creados por pemes.
A Xunta subliña que estas axudas buscan mellorar a orientación ao mercado e a competitividade a curto e longo prazo, ademais de impulsar a remuda xeracional. Nesta liña, o Goberno galego prevé lanzar neste primeiro trimestre unha nova convocatoria de 53 millóns: 23 para a incorporación de mozos e 30 para plans de mellora asociados.
