17 / Julio / 2015
Dende AFRICOR LUGO queremos manifestar a nosa preocupación e indignación pola situación que están atravesando os produtores de leite, unha situación que debería preocupar non só aos gandeiros senón a toda a sociedade, xa que a produción de leite é a maior actividade económica en moitos dos concellos galegos.
Galicia produce aproximandamente o 40% do leite de España, con 9.547 explotacións que entregaron leite durante o mes de maio, estamos a falar dun sector dinámico, que necesita de insumos para a súa actividade e que emprega unha gran cantidade de man de obra, o futuro de moitas comarcas galegas vai sen dúbida ligado ao futuro da produción de leite, pois por moito que se fale de fixación de poboación no rural, do papel dos gandeiros no coidado da paisaxe e da natureza etc…, a xente necesita poder vender o seu produto a un prezo que lle cubra os gastos e precisa dunha estabilidade que lle permita pensar no futuro, pois soamente así poderá transmitir aos seus fillos que vivir no campo e unha opción.
A situación actual é insostible por natureza, xa que moitas explotacións están vendendo o leite a un prezo moi inferior aos custos de produción e todo o mundo sabe que esto non pode durar moito tempo de aí a necesidade de buscar solucións entre todas as partes implicadas, produtores, industria, administración e a sociedade en xeral, porque a produción de leite é unha actividade que move moitos cartos na nosa comunidade, paga moitos impostos, xera moitos empregos e serve para que moitas hectáreas de terreo estean cultivadas e non abandonadas, por iso toda a sociedade debe ser consciente dos problemas que pode traer a destrución do sector produtor de leite.