05 / Septiembre / 2013
Hoxe aparece nos medios de comunicación a noticia da morte do touro Mario Xacobeo, de Xenética Fontao, probablemente o mellor touro que tivo o centro ata o de agora como demostrou dende a súa primeira proba de descendencia que o situou como número 1 de España, posto no que permaneceu durante as 7 avaliacións seguintes.
A día de hoxe o 77% das ganderías en Control Leiteiro da provincia de Lugo teñen algunha filla de Xacobeo, sumando un total de 7.000 femias vivas na provincia de Lugo, sen dúbida un grande legado .
Atendendo aos rendementos destas fillas temos un total de 1.311 lactación rematadas de primeiro parto cunha produción media de 9.875 Kg de leite e 208 lactacións de segundo ou posteriores partos con 11.392 quilos de leite, ademais o intervalo entre partos destas fillas de Xacobeo e de 392 días, datos todos eles que confirman a superioridade produtiva da descendencia de Xacobeo fronte aos valores medios da vacas en Control Leiteiro, pero ademais as fillas de Xacobeo tamén son mellores morfoloxicamente como demostra que a porcentaxe de vacas cualificadas BB ou máis das súas fillas sexa un 19% superior a media.
Estamos entón ante un dos grandes sementais da raza, que sen dúbida axudou e axudará a mellorar o nivel xenético das ganderías galegas, contribuíndo así a mellorar a rendibilidade das mesmas.
Recordamos aos socios que aínda quedan doses dispoñibles deste touro en stock, así que os que o desexen aínda están a tempo de mercar doses deste touro e poder comprobar na súa explotación a calidade da súa descendencia.