08 / Enero / 2026
ORDE do 19 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio de animais en execución de programas e actuacións oficiais de vixilancia, loita, control e erradicación das súas enfermidades, e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento MR553C).
A Consellería do Medio Rural reforza o seu apoio ao sector gandeiro coa publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) das bases reguladoras para a concesión de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio de animais en execución de programas e actuacións oficiais de vixilancia, loita, control e erradicación das súas enfermidades para 2026. O prazo para a presentación das solicitudes e, se é o caso, da correspondente documentación complementaria, será desde mañá ata o 30 de novembro de 2026.
A Consellería destina este ano máis de 730.000 euros a estas achegas, con posibilidade de ampliación, e poderán acceder a elas as persoas físicas e xurídicas públicas ou privadas e as entidades sen personalidade xurídica que sexan titulares de animais que se sacrifiquen despois de resultar positivos ás probas diagnósticas de perineumonía contaxiosa bovina, tuberculose, brucelose e leucose no gando vacún, ovino e cabrún; ou por ter convivido con animais enfermos e que sexan considerados sospeitosos polos veterinarios actuantes, ou ben que morran pola enfermidade. Tamén de animais e os seus produtos de calquera especie, sacrificados/mortos e/ou destruídos por motivos de sospeita e/ou confirmación da presenza dalgunha das encefalopatías esponxiformes transmisibles.
Do mesmo xeito, e tal e como xa se facía tamén ata o momento, inclúense os porcos sacrificados/mortos por mor da declaración oficial dun foco de peste porcina clásica ou de peste porcina africana, ou doutras enfermidades porcinas declaradas oficialmente ou durante o desenvolvemento de medidas, probas ou controis ordenados pola autoridade competente. Así mesmo, contémplanse as aves reprodutoras ou poñedoras da especie Gallus gallus e reprodutoras da especie Meleagris gallopavo, sacrificadas por orde da autoridade competente dentro dos programas nacionais de control de Salmonella, ou aquelas aves sacrificadas/mortas por mor da declaración oficial dun foco de influenza aviaria, de enfermidade de Newcastle ou doutra doenza declarada oficialmente.
Por último, téñense en conta os visóns americanos que se sacrifiquen por resolución da autoridade competente en materia de sanidade animal, ou morran, afectados por enfermidades sometidas a actuacións ou programas sanitarios oficiais.
Contías das indemnizacións
As contías das indemnizacións serán as que estean en vigor en cada momento, segundo os baremos ou prezos oficiais (establecidos para as indemnizacións por sacrificio obrigatorio por motivos de sanidade animal), ou segundo os valores unitarios dos animais recollidos nos diferentes plans de seguros agrarios combinados (para os efectos do cálculo das súas contías de indemnización), aprobados polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.
As explotacións afectadas estarán correctamente rexistradas na Comunidade Autónoma de Galicia e, en concreto, figurarán inscritas e con todos os seus datos actualizados no Rexistro xeral de explotacións gandeiras (Rega).
Prazo de presentación de solicitudes 30 de novembro de 2026.
