12 / Febrero / 2025
ORDE do 30 de xaneiro de 2025 pola que se establecen os modelos normalizados de solicitude de inclusión dunha explotación no Banco de Explotacións e de solicitude de intermediación para o acceso a unha explotación do Banco de Explotacións, consonte establece a Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia (códigos de procedemento MR617B e MR617C).
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural pola que se establecen os modelos normalizados das solicitudes de inclusión dunha explotación no Banco de Explotacións e de intermediación para o acceso a unha explotación nesta ferramenta. Os modelos habilitaranse na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.gal, e figurarán na Guía de procedementos e servizos.
Esta norma publícase consonte ao establecido pola Lei de recuperación da terra agraria de Galicia e permitirá, na práctica, a inclusión dunha explotación no Banco por parte das persoas titulares que pretendan cesar na súa actividade e, por outra banda, tramitar a solicitude de intermediación para o acceso a unha explotación do Banco por parte de persoas interesadas no seu arrendamento, permuta ou adquisición.
Esta orde, xunto co visor público, supoñen a posta en marcha, de facto, do Banco de Explotacións, tal e como foi aprobado este mesmo luns polo Consello da Xunta. O visor comezará a funcionar unha vez estean resoltas as solicitudes de inclusión e permitirá a localización e visualización das características principais das explotacións susceptibles de tramitación.
Cómpre salientar, ademais, que o proceso de transmisión de explotacións estará tutelado pola Administración autonómica, a través da rede de oficinas rurais. Calquera persoa interesada poderá dirixirse á súa oficina rural para informarse sobre este tema e recibir asesoramento.