15 / Enero / 2026
ORDE do 29 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da contratación dos seguros agrarios na Comunidade Autónoma de Galicia e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento MR443A)
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria das axudas da Consellería do Medio Rural para impulsar a contratación de seguros agrarios, dotada cun orzamento de 9,5 millóns de euros. O obxectivo desta medida é continuar incrementando o nivel de aseguramento nas explotacións agrarias e gandeiras, especialmente no sector da produción vexetal.
Así, con estas achegas subvencionarase a contratación en 2026 dunha ou varias pólizas de seguros e beneficiarase ás persoas empresarias individuais ou sociedades titulares de explotacións na nosa comunidade. A porcentaxe de subvención, en xeral, será dun máximo do 75 % do custo da póliza, entre fondos autonómicos e estatais. Ademais, as pólizas contratadas por entidades asociativas de agricultores e gandeiros teñen unha axuda adicional do 4 %.
Os seguros agrarios subvencionados abranguen unha gran diversidade de producións e cobren, entre outros supostos, a retirada e destrución de cadáveres de animais ou a perda de gando ou de colleitas. Cómpre salientar que as entidades aseguradoras españolas máis importantes intégranse en Agroseguro e forman parte do Sistema Español de Seguros Agrarios, considerado un dos mellores a nivel mundial.
Aposta da Xunta polos seguros agrarios
A Xunta fai unha clara aposta por incentivar o aseguramento do sector do sector agrogandeiro, especialmente no ámbito agrícola, no que menos pólizas se contratan. Desta forma, desde o ano 2027 investíronse máis de 60 millóns de euros de fondos propios para fomentar a contratación dos seguros na nosa comunidade, o que permitiu incrementar o nivel de aseguramento no sector agrogandeiro.
Só no 2025, contratáronse preto de 38.000 pólizas, que permitiron cubrir máis de 31.800 hectáreas e 40,8 millóns de animais para chegar a un capital asegurado superior aos 1.200 millóns de euros. A superficie, animais e capital non deixou de medrar nos últimos anos. De feito, a superficie duplicouse, dado que en 2017 había 14.200 hectáreas.
As explotacións agrícolas e gandeiras enfróntanse a riscos imprevisibles que poden afectar aos seus rabaños, colleitas ou producións, e que polo tanto comprometen a súa viabilidade económica. Eliminar a incerteza económica derivada destas circunstancias é un dos grandes desexos do sector produtor e das administracións públicas. O seguro agrario é un factor de enorme estabilidade do sector, un instrumento para garantir as rendas agrarias
