12 / Enero / 2026
ORDE do 25 de novembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas destinadas á realización de certames de gando bovino selecto e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento MR562A).
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan para 2026 as axudas destinadas á realización de certames de gando bovino selecto por importe de 150.000 euros. Estas achegas convócanse en réxime de concorrencia non competitiva, de tal forma que se tramitarán todas as solicitudes a medida que os beneficiarios interesados as presenten, ata esgotar o crédito orzamentario.
A finalidade destas axudas é fomentar a celebración de certames de gando selecto a realizar en diferentes puntos da xeografía galega, onde as ganderías participantes poidan expoñer con distintos fins os animais selectos. Considérase necesario potenciar esta actividade, xa que supón un incentivo para a recría de animais selectos en Galicia, facilitando o seu coñecemento para o resto das ganderías, ademais de posibilitar a súa comercialización e representar un estímulo para a mellora gandeira.
Os beneficiarios destas subvencións son os concellos galegos, as asociacións de persoas gandeiras, as organizacións empresariais e outras entidades sen ánimo de lucro que organicen este tipo de eventos e que cumpran unha serie de requisitos que se concretan na convocatoria. Entre eles figuran os de dispoñer de instalacións axeitadas adaptadas ao tipo de certame, que garantan unhas condicións sanitarias e de benestar animal óptimas e contar con medios técnicos e persoal para a celebración deste tipo de eventos. Así mesmo, deberán dispor da colaboración da correspondente asociación de gandeiros oficialmente recoñecida pola Comunidade Autónoma de Galicia para a xestión do Libro Xenealóxico ou a realización do control de rendementos, polo menos no relativo á acreditación de que os animais participantes nos eventos estean inscritos nos libros xenealóxicos correspondentes. As actuacións obxecto da axuda deberán ter sido realizadas no período comprendido entre o 1 de novembro de 2025 e o 31 de outubro de 2026, ambos incluídos.
