02 / Marzo / 2016
O dous de marzo tivo lugar a primeira reunión do Plan de Fortalecemento do Sector Lácteo na que asistiron os axentes implicados para consolidar e estabilizar este sector. A xuntanza foi presidida pola conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez.
Os presentes apoiaron unha batería de propostas urxentes que trasladar ao Goberno central para a súa defensa no Consello de Ministros de Agricultura da Unión Europea para garantir a estabilidade do sector de xeito inmediato:
- Unha suba do prezo e do volume de intervención tanto do leite en po como de manteiga.
- Un control e unha regularización dos mercados para evitar certas prácticas como a venda a perdas.
- Transparencia en todos os elos da cadea de valor.
- Fomento do consumo dos produtos lácteos no mercado interior da UE e a identificación da orixe dos mesmos.
A mesa de traballo reunirase polo menos unha vez ao mes para comprobar os avances e seguir traballando en melloras a prol do sector
A esta reunión convocouse, entre outros a persoal do FOGGA, á indústria, á distribución, a AGACA, as organizacións profesionais agrarias galegas maioritarias (Asaja Galicia, Unións Agrarias e Sindicato Labrego Galego), ao LIGAL, á Universidade, e ao CEGACOL, que estivo representado por José Carlos Vega Rodríguez en representación das AFRICORES.