20 / Marzo / 2023
ORDE do 15 de marzo de 2023 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control (códigos de procedemento MR250A, MR239G, MR239K, MR239O, MR240D, MR241C e MR241D).
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural que regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema Integrado de Xestión e Control, as coñecidas como axudas da PAC. Así, os gandeiros e agricultores galegos poderán presentar a solicitude única dende mañá e ata o vindeiro 31 de maio, accedendo directamente cun certificado dixital á aplicación informática SGA ou acudindo ás distintas entidades colaboradoras.
Novidades da campaña da PAC 2023
As principais novidades desta nova convocatoria da PAC con respecto ao período anterior son a introdución dos ecorreximes,compromisos anuais e voluntariosque implican que arredor do 25 % das axudas irán encamiñadas para un conxunto de prácticas beneficiosas para o medio ambiente, entre as que se inclúen o pastoreo extensivo, o mantemento dos pastos, a rotación de cultivos, a agricultura de conservación, as cubertas vexetais e as superficies destinadas á biodiversidade.
Tamén se inclúe un pago redistributivo, pago complementario á axuda básica á renda para a sustentabilidade para as primeiras hectáreas de cada explotación, destinada a favorecer a redistribución de axudas cara ás pequenas e medianas explotacións, na súa maioría de carácter familiar e profesional.
Así mesmo, tamén destacan as axudas específicas para os agricultores mozos e agricultoras mozas a través do pago complementario das axudas directas e os fondos destinados a impulsar a primeira instalación. Por último, outra das novidades reside en que as mulleres que se instalen á fronte dunha explotación agraria percibirán un 15 % adicional no complemento da axuda á renda que reciben os mozos e as mozas.
O prazo de presentación de solicitudes remata o 31 de maio de 2023.