27 / Agosto / 2018
O Plan Básico Autonómico (PBA) de Galicia formulouse pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio ao abeiro do disposto nos artigos 49 e 50 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 90 e seguintes do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o seu Regulamento.
Este instrumento de planeamento urbanístico ven a complementar o novo marco urbanístico co que o goberno da Xunta pretende impulsar unha ordenación responsable e sostible do territorio, co propósito de garantir un territorio ordenado.
O PBA constitúe unha ferramenta dinámica que resulta indispensable para plasmar sobre o territorio a complexa realidade da normativa sectorial e dos instrumentos de ordenación do territorio, así como a identificación dos asentamentos de poboación existentes: permite dispoñer de toda a información relevante dende o punto de vista territorial, actualizada e de acceso universal, en todo o ámbito da nosa Comunidade Autónoma.
Asemade, constitúe o paso intermedio imprescindible para a elaboración dos plans básicos municipais para os concellos de menos de 5.000 habitantes que non contan con planeamento urbanístico, dando así cumprida resposta á necesidade de dotar dunha ordenación básica á totalidade dos concellos de Galicia, co fin de que adquiran plena seguridade xurídica nas accións sobre o territorio.
No que atinxe ao alcance das súas determinacións, o PBA será de aplicación nos concellos que carezan de plan xeral de ordenación municipal e terá carácter complementario do planeamento municipal naqueles concellos que dispoñan del, para suplir as posibles indeterminacións e lagoas do planeamento municipal vixente. Ademais, servirá como referencia para a elaboración dos plans xerais de ordenación municipal, cando se considere oportuno.
Finalmente, establece as disposicións xerais sobre os diferentes usos do solo e da edificación que resultan de aplicación común ás súas ordenanzas tipo particulares, que serán incorporadas nos plans básicos municipais en función das características propias de cada concello e das clases e categorías do solo. Asemade, estas ordenanzas tamén poderán ser utilizadas de xeito orientativo, como base ou referencia na elaboración dos plans xerais de ordenación municipal, cando se considere oportuno.
O PBA substitúe ás Normas complementarias e subsidiarias de planeamento provinciais aprobadas no ano 1991.
A formulación e aprobación do PBA axustouse ao procedemento establecido nos artigos 50 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, e 102 do seu Regulamento, aprobado polo Decreto 143/2016, do 22 de setembro.
Nesta páxina ofrécese a posibilidade de consultar públicamente o visor SIX (sistema de información xeográfico) que permite navegar a través da planimetría oficial coa información do PBA e o visor de descargas, que permite descargar en formato PDF toda a súa documentación.
Os planos a escala 1:10.000 e as fichas de patrimonio cultural estarán dispoñibles en arquivos comprimidos para cada concello, no visor de descargas, mentres que o resto son descargas xerais comúns a todos os concellos dispoñibles na parte superior dereita do visor de descargas.