AFRICOR LUGO

Asociación Provincial de Gandeiros de Lugo
para o Control de Rendementos

Lexislación · Normativa

Normativa sobre a PAC

22 / Diciembre / 2014

Aprobouse o Real Decreto que regula a aplicación, a partir de 2015, dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e outros réximes de axuda, así como a xestión e control destes pagamentos e dos correspondentes ao desenvolvemento rural.

Trátase dunha norma que abrangue a práctica totalidade das axudas directas á renda dos agricultores e gandeiros no marco da Política Agraria Común (PAC) e regula a solicitude, xestión e control destas e outras axudas ao desenvolvemento rural, cun presuposto que para o período 2014-2020 ascenderá a 35.705 millóns de euros.

Real Decreto 1075

Axudas incluídas

Os "pagamentos directos" agrupan a varias tipoloxías de axudas agrarias, todas elas estreitamente vinculadas, que neste novo período estarán integradas, como medida fundamental, polo Réxime de pagamento básico , que aglutina algo máis da metade do presuposto anual de pagamentos directos, para a aplicación da cal a superficie agraria de España dividiuse en cincuenta rexións cun potencial agrario similar.

En cada unha desas rexións levarase a cabo ata 2020 un achegamento, progresivo e limitado, dos valores medios de axuda por hectárea de cada agricultor con respecto á media da rexión en que se atopa.

Dentro dos pagamentos directos inclúense tamén os Pagamentos complementarios ao pagamento básico , que contemplan dous tipos de axudas como o pagamento por prácticas beneficiosas para o medio ambiente -tamén coñecido como "greening", capítulo ao que se dedica o 30% do presuposto nacional e o pagamento para novos agricultores, ao que se destina o 2% dese presuposto.

Tamén se engloban neste capítulo as axudas asociadas a sectores con especiais dificultades. Estas axudas teñen carácter voluntario para o Estado membro e España optou por destinar a este tipo de apoio un 12,1% dos fondos anuais. Os sectores apoiados son, particularmente, os gandeiros, pero tamén algunhas producións agrícolas como o arroz, os cultivos industriais como o tomate ou a remolacha, ou os cultivos proteicos para a alimentación do gando.

Os pagamentos destínanse aos agricultores activos, é dicir, aqueles que teñen unha actividade económica mínima da que obteñen ingresos agrarios, aparte das propias axudas, ou, no seu caso, que demostren que realizan directamente e baixo a súa responsabilidade unha actividade agraria, que consista en cultivar ou criar gando ou en manter en boas condicións as superficies da súa explotación.

A partir do próximo 1 de marzo abrirase o prazo para presentar as solicitudes correspondentes á campaña de axudas 2015.

Novas directrices para a asignación de dereitos de pagamento básico da PAC

Real Decreto Asignación dereitos

O elemento fundamental do novo sistema de axudas directas da PAC é o réxime de pagamento básico, que supón o paso a un novo sistema de axudas directas desacopladas da produción, baseándose nas cincuenta rexións cun potencial agrario similar establecidas nesta nova norma.

Ademais, as rexións que se establezan para o novo réxime de pagamento básico terán, como elemento indicativo, un valor de referencia en forma de taxa rexional. Cada dereito de pagamento básico que se asigne tenderá, de forma limitada, ao valor de referencia rexional que lle corresponda, en función da rexión na que estea asignado.

No Real Decreto de asignación recóllense tamén os requisitos que hai que cumprir para poder beneficiarse da nova asignación de dereitos de pagamento básico, xa que o 31 de decembro de 2014 os dereitos de pagamento único existentes desaparecen.

No ano 2015 asignaranse novos dereitos baseándose no número de hectáreas admisibles que estean a disposición dos agricultores na devandita campaña. Establécese unha limitación individual do número de dereitos a asignar, de tal forma que non se asignarán máis dereitos en 2015 que hectáreas admisibles fosen declaradas por cada agricultor na campaña 2013.

O valor inicial dos devanditos dereitos calcularase partindo da base do total de pagamentos directos, desacoplados ou que se desacoplen, percibidos na campaña 2014.

Ademais, regúlase unha reserva nacional de dereitos de pagamento básico que debe utilizarse, de xeito prioritario, para facilitar a participación de novos agricultores e agricultores que comezan a súa actividade agrícola e para atender outras situacións específicas. Tamén, de forma xeral, mantéñense as normas sobre a transferencia e a utilización dos dereitos de pagamento.

Ademais, como medida de simplificación, implantarase un réxime para pequenos agricultores que facilitará a tramitación das solicitudes de menos de 1.250 € de axudas anuais.

Normas de condicionalidade para os pagamentos directos e determinadas primas de desenvolvemento rural

Real Decreto Condicionalidade

Este Real Decreto recolle a nova normativa sobre condicionalidade establecida no Regulamento do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, e ten como obxectivo fundamental establecer as obrigas que determinados beneficiarios de axudas deben respectar, así como o sistema de control e de aplicación de penalizacións.

Respecto ao ámbito de boas condicións agrarias e ambientais da terra, o Real Decreto desenvolve, a nivel nacional e dentro do marco establecido coa reforma, as normas necesarias para previr a erosión, manter a materia orgánica do chan, garantir un nivel mínimo de mantemento, evitar a deterioración dos hábitats e protexer e xestionar a auga, en función de características tales como as condicións edafolóxicas, climáticas, sistemas de cultivo e estruturas agrarias.

Unha das principais novidades respecto ao período anterior é que os beneficiarios que participan no réxime simplificado para os pequenos agricultores quedan exentos do sistema de control e do risco das penalizacións de condicionalidade.

Tamén se prevé un sistema de alerta rápida que se aplicará aos incumprimentos de menor gravidade, alcance e persistencia, que suporá a non aplicación de redución ou exclusión das axudas, aínda que o beneficiario, unha vez informado do incumprimento observado ten a obriga de adoptar medidas correctoras.

RECRIA GENÓMICA

CAMPAÑA SEME

BOLSA DE RECRÍA

GandAgro 2025


ACCESOS DE INTERESE

O tempo · meteogalicia
TV, novas relacionadas coa produción de leite
Xunta de Galicia Medio Rural
Xenética Fontao

AFRICOR LUGO

Asociación Provincial de Gandeiros de Lugo para o Control de Rendementos
Ronda de Fingoi, 117 · 27002 3 Lugo· Tfno: 982 25 07 14 · E-mail: info@africorlugo.com
Aviso Legal · Política de Privacidad · Uso de Cookies· Política de Calidad · Canal ético